Unha mostra en Santiago recrea o Camiño con figuras dos Playmobil
O Camiño de Santiago versión Playmobil é un soño feito realidade, o soño dun grupo de vinte persoas amantes destes bonecos de plástico. Tardaron cinco meses en construír esta rigorosa peregrinación.
E grazas á súa paixón os Playmobil entran en Galicia polo Cebreiro. Chegan ao mosteiro de Samos, parada obrigatoria. Sarria é a seguinte etapa, nos seus bosques agóchase unha sorpresa, a Santa Compaña. Pasan por Portomarín, onde cruzan a ponte romana. Na seguinte vila están en festas.
De alí a peregrinación chega ao monte do Gozo e por fin a praza do Obradoiro. A grande escena que recrea a vida medieval no momento en que se construíu a catedral románica, co gran mercado que rodeaba a basílica. En total máis de 10.000 pezas que buscan recrear a tradición xacobea. Unha viaxe fascinante para todas as idades que se pode ver nunha exposición en Santiago.