Unha máscara cirúrxica custará 72 céntimos como máximo a partir de mañá
• Consumo regula a comercialización de máscaras hixiénicas e prohibe a venda das que empregan válvula

O Goberno estatal volve regular o prezo das máscaras. No Boletín Oficial do Estado recóllese o novo prezo que as máscaras cirúrxicas terán a partir de mañá: como máximo custarán 0,72 euros, un 25% menos.
Este prezo esta suxeito a "a futuras revisións" pola Comisión Interministerial de Prezos dos Medicamentos, "atendendo á evolución dos prezos de mercado".
Consumo prohibirá a venda de máscaras hixiénicas con válvula
Consumo ten previsto prohibir a comercialización de máscaras hixiénicas con válvula de exhalación ou antiretorno, que permiten que o aire exhalado escape delas, xa que o seu uso previsto é minimizar o intercambio de partículas do aire exhalado ou a proxección de pingas respiratorias.
Esas pingas respiratorias prodúcense cando o usuario respira, fala, tose ou esbirra, segundo sinala o Ministerio de Consumo no borrador da orde pola que se establecen os requisitos de información e comercialización das máscaras hixiénicas.
Tras apuntar que non poderán comercializarse estas máscaras con válvulas, a orde engade a continuación de que "no caso de que o seu uso previsto sexa outro, deberá aclararse na etiqueta de forma destacada".
Segundo o borrador, estes son algúns dos requisitos para a comercialización das máscaras hixiénicas:
- Só se poderán comercializar máscaras hixiénicas que sexan seguras e deberase evitar que a súa composición impida ou dificulte a respiración. Nin os materiais que entren en contacto directo coa pel, nin as substancias susceptibles de ser inhaladas debe supoñer un perigo nin causar molestias, irritación efectos alergénicos e outros efectos adversos para a saúde.
- As máscaras deben estar exentas de bordos ou elementos punzantes ou cortantes que puidesen producirse, por exemplo, co uso de grampas ou similares para a conexión das partes.
-Os "cobertores faciais", como tamén se lles chama, que incorporen na súa composición substancias ou mesturas químicas deberán garantir a súa seguridade, tendo en conta o uso previsto. É dicir, deberán ter en conta a zona de contacto do produto, a súa posible inhalación, a poboación de destino ou o tempo de exposición.
- Se as máscaras hixiénicas son destinadas á poboación infantil, deberá cumprirse escrupulosamente coa normativa de seguridade, especialmente no que se refire a cordóns e cordas axustables nas súas roupas: os arneses que serven para a suxeición á cabeza para as máscaras deben poder suxeitarse sen xerar nós, extremos libres ou elementos tridimensionais.
- As máscaras deben axustarse de forma correcta á cara e o nariz para evitar que se despracen cando se usen e deben garantir que o sistema de suxeición sexa o suficiente resistente para soportar a tensión do uso habitual sen romper.
- Antes do seu uso, deberán envasarse de tal forma que estarán protexidas contra calquera contaminación.
- Todos estes requisitos téñenos que cumprir as hixiénicas, pero ademais as que son transparentes ou teñen algunhas zonas transparentes para permitir unha lectura labial deberán cumprir outros:
- Os materiais deberán ser suficientemente transparentes e deseñarse de forma que se poida ler nos beizos perfectamente.
- En caso de estar compostas por materiais que non permitan o paso do aire inhalado ou exhalado, deberá realizarse unha avaliación de riscos para asegurarse de que o produto non obstrúe a respiración ou provoca algún risco tras un uso prolongado.