CRTVG

Buscar

Unha leñadora de Meira converteuse en estrela das redes sociais

Publicado o 30/03/2021 20:41

Laura Vallejo revisa que as máquinas coas que traballa estes días cortando piñeiros estean en perfecto estado. Con 20 anos comezou a dedicarse ao sector forestal e agora, con 26, xa se converteu nun referente grazas aos vídeos que realiza sobre o seu labor diario. Só en Instagram ten 17.000 seguidores. Pero non é a fama o que a guía, senón a reivindicación do seu traballo.

"A clave é que hai demanda de influencers que sexan próximos e expliquen o día a día do seu traballo", explica Laura Vallejo, leñadora e agroinfluencer.

Nos seus vídeos Laura explica aspectos técnicos da corta de árbores, poñendo especial énfase nas medidas de seguridade para evitar accidentes que, no eido forestal, son moi perigosos. Tamén anima a que máis mulleres se incorporen a un sector que sempre precisa de man de obra.

"Hai falta de man de obra e eu axudo a dar a coñecer que é un sector para homes e mulleres. Tamén aspiro a que a xente nova se comprometa co rural", salienta Vallejo. 

Aínda que se está a facer moi coñecida nas redes sociais e en Internet, é aquí no monte e rodeada de maquinaria pesada onde Laura Vallejo desenvolve o seu labor máis importante. Un traballo ao que anima a sumarse a outras mulleres.

Ademais de cortar piñeiros e realizar vídeos, Laura reafirma o seu compromiso co rural durante as fins de semana, cando axuda na explotación de vacas de leite que a súa familia ten en Meira.

Noticias web

30/03/2021