CRTVG

Buscar

Unha lei para acabar co plástico

Publicado o 02/06/2020 19:31

É un xesto simple co que evitaremos moita contaminación. Beber auga da billa. A futura lei de residuos obrigará os hostaleiros a ofrecela de balde. Tamén a terán embotellada, pero pagaremos máis polo plástico que trae.

"Os vasos de auga ofrecerllos aos clientes para evitar vender máis plástico. Véxoo ben. Malgástase moito plástico"."Eu véxoo ben. Nunca atopei un bar que nos negara un vaso de auga".

O Goberno que a partir de xullo do ano que vén deixen de venderse plásticos dun só uso como bastóns para os oídos, palliñas, cubertos, pratos e tamén cosméticos e deterxentes que conteñan microplásticos.

"A teoría é moi bonita, pero despois é difícil afacerse, sobre todo para os que temos nenos. As palliñas e iso son cousas de uso doado para usar e tirar"."Eu penso neste momento en máis saúde porque todo o que sexa reciclar é saúde para nós"."A min paréceme moi ben porque se se pode substituír por outra cousa"...

A partir do 2023, bares e restaurantes cobrarán tamén os vasos ou os envases de plástico de produtos para levar, deixando constancia na factura.

"Que os cobren? Eu tanto coma iso xa non o sei. Se pagas contaminas, e se non pagas, non contaminas? Se se eliminan, fóra e xa está".

A norma inclúe medidas para reducir o desperdicio alimentario. E tamén outras para prolongar a vida dos produtos e acabar coa obsolescencia programada. Haberá que fabricar produtos que duren máis, poidan repararse e reutilizarse. Ademais prohíbese a destrución de excedentes non vendidos como téxtiles, xoguetes ou aparatos eléctricos.


 

Noticias web

02/06/2020