CRTVG

Buscar

Unha investigadora da Universidade de Santiago é a científica máis influente de España

Publicado o 14/03/2019 22:42

Os traballos publicados por María José Alonso foron citados máis de 16.300 veces por investigadores españois da área de Ciencia e Saúde, o que sitúa o seu índice de influencia moi por riba da media. Ela di que o mérito é do equipo que traballa no laboratorio que dirixe na Universidade de Santiago, especializado en nanotecnoloxía farmacéutica.

María José Alonso, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica: "Basicamente, aplicamos a nanotecnoloxía á resolución dos problemas dos fármacos para facelos máis eficaces, máis fáciles de administrar e menos tóxicos". "Recubrimos, envolvemos eses fármacos nun vehículo que o fai máis intelixente, que o dirixe a células diana e que o axuda a superar barreiras biolóxicas".

Deste xeito, o corpo absorbe mellor medicamentos para doenzas como o cancro, a diabetes, a esclerose múltiple ou enfermidades dos ollos. Tamén investigan vacinas para a sida. María José Alonso lamenta que a falta de recursos impida avanzar máis e afirma que a miúdo teñen que recorrer a financiamento estranxeiro.

María José Alonso, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica: "Con máis cartos, os nosos descubrimentos poderían chegar mais lonxe, sobre todo na práctica clínica".

Considera que recoñecementos como o do seu elevado índice de influencia proporcionan visibilidade.




 

Noticias web

14/03/2019