CRTVG

Buscar

Unha inocentada moi artística na Estrada

Publicado o 28/12/2020 21:05

Colocan unha escultura dun peregrino na praza do Concello

As inocentadas son como globos que se inflan e na Estrada probaron a meterlle aire o ferro desta escultura. Ninguén sabe quen a puxo. Só que apareceu da noite á mañá.

"Pois non o sei... A min paréceme que non, que o puxeron recéntemente. Non me soa de velo", di unha muller.

Dúas cousas semellan claras: a calidade da obra, que ben merece unha foto, e que a inocentada promociona o Camiño dos Arrieiros que pasa pola Estrada.

"Non sei a que vén... Creo que é polo Camiño dos Arrrieiros", comenta un mozo.

Do autor pouco se sabe. O peregrino leva na mochila as iniciais co seu nome artístico: Manny Lake. A idea foi cousa do fillo e doutras tres persoas. Colléronlle a escultura e engadíronlle unha máscara. Moitos son os que se paran nesta inocentada tan artística.

"Eu fago algo de escultura -di outro mozo- e cando vexo algunha peza sempre me chama a atención. Pero neste caso vin hoxe por aquí e non sei se a colocaron hoxe. Onte de feito non estaba".

Pero onte non era o día dos Santos Inocentes... Agora haberá que agardar uns días para coñecer máis datos e que o globo se desinche.

Noticias web

28/12/2020