CRTVG

Buscar

Unha fuga de auga obriga a desaloxar un garaxe no centro de Ribadeo

Publicado o 01/09/2020 14:11

Unha avaría causou o asolagamento de varios garaxes nesta rúa do centro de Ribadeo. A rotura dunha tubaxe nun edificio deshabitado fixo que a auga chegase ata o garaxe veciño, que tivo que ser desaloxado.

Carmen Ríos, administradora da comunidade de propietarios: "Detectouse a rotura dunha tubaxe no inmoble do lado. A consecuencia diso, empezou a entrar auga no garaxe. Na parte de atrás dese inmoble hai unha zona sen acabar de edificar, e a parte do soto estaba anegada de auga. Por ese motivo, neste edificio estaba entrando auga a través do muro do garaxe, e tamén entrou nos foxos dos ascensores".

A fin de drenar a auga e evitar males maiores, as motobombas dos bombeiros do parque comarcal de Barreiros estiveron traballando arreo durante os últimos dous días.

Fernando González, sarxento dos bombeiros de Barreiros: "Cando chegamos alí, apreciamos unha cantidade de auga moi considerable. O garaxe estaba completamente inundado e ademais estaba afectando o garaxe do lado, dado que na medianeira había unha estrutura que estaba filtrando completamente a auga, como se fora unha ducha. Por tanto, había risco de que puidese colapsar, polo que o primeiro era evacuar a maior cantidade de auga para evitar ese colapso".

Carmen Ríos, administradora da comunidade de propietarios: "Os danos están aí. E sobre todo a preocupación que había, e que segue habendo despois de detectarse este problema, é que o muro poida ceder e causar danos maiores".

Segundo sinalan os afectados, non é a primeira vez que se anega o garaxe do edificio lindeiro. O pasado inverno, xa houbera outra inundación orixinada no mesmo soto.

Noticias web

01/09/2020