CRTVG

Buscar

Unha forte riada en Afganistán deixa máis de 100 mortos e 500 vivendas arrasadas

Publicado o 26/08/2020 19:39

Unha forte riada no norte de Afganistán causou polo menos 100 mortos e 105 feridos, ademais de deixar ao seu paso medio milleiro de vivendas danadas e rúas destruídas, nunha nova catástrofe natural neste país golpeado pola guerra.

"Era como o día do xuízo final", lembrou o mozo afgán Samiullah, de 20 anos.

A riada comezou durante a madrugada e golpeou sobre todo á capital da provincia de Parwan, Charika, onde vive Samiullah. O mozo durmía cando, en plena madrugada, espertoulle a catástrofe e todos, excepto a súa nai, lograron saír da vivenda familiar con vida.

"A inundación empezou cara ás tres ou as tres e media da mañá (...). Todo o mundo espertou e tratou de salvarse, ninguén sabía onde estaban os demais. Miña nai quedou atrapada no soto da casa e faleceu", lamentouse.

Segundo o último reconto do Ministerio de Xestión de Desastres afgán, a catástrofe na provincia causou a morte a polo menos un centenar de persoas.

"Segundo a información inicial, 100 persoas morreron e 100 quedaron feridas como consecuencia das inundacións en varias partes da cidade de Charikar, e máis de 500 casas foron destruídas", afirmou o ministerio nun comunicado.

O Goberno entregou víveres e auga potable a unhas 4.000 persoas, segundo o comunicado, mentres que os centros educativos da cidade foron transformados en refuxios temporais para aqueles que perderon os seus fogares. 

Noticias web

26/08/2020