CRTVG

Buscar

Unha festa ilegal nun piso de Vigo acaba cunha moza detida por agredir un policía

Publicado o 27/04/2021 13:31

Segunda festa ilegal en que interveu a policía no que vai de mes nesta céntrica rúa Marqués de Valladares en Vigo. Foi a fin de semana pasada, cando veciños deste edificio chamaron a policía contra a unha da mañá polo ruído e a música que procedía dunha das vivendas. Segundo un veciño: "Eu persoalmente non as escoito, habelas hainas, pero eu non escoito festas aquí, non é unha rúa en que haxa festas todas as fins de semana nin moito menos". 

Unha dotación achegouse á casa, onde unha moza de vinte anos dixo que estaba con dúas amigas e que ían apagar a música. Media hora despois, a festa continuaba, e os axentes volveron e escoitaron voces de polo menos cinco persoas. Nese momento tamén chegou o pai da rapaza e díxolles aos axentes que ía solucionar o problema. O home, de 45 anos, foi sancionado por vulnerar o toque de recollida.

Outro veciño asegura que tampouco se decatou do incidente: "A verdade e que é un piso moi tranquilo e nunca tivemos problema ningún. Non teño mais información, estiven aquí estes días, non marchei a ningures e non notamos nada".

Pasadas as 3 da mañá, a policía viu saír dúas persoas dun portal, que ao ver os axentes, fuxiron á carreira. Pouco despois atopáronas agochadas nesta rúa do Caños. Nese momento, a rapaza que vivía na casa da festa abalanzouse contra un dos axentes, empurrouno e deulle varios puñazos na zona abdominal. A moza foi detida e acusada dun delito de atentado á autoridade.

Noticias web

27/04/2021