CRTVG

Buscar

Unha farmacéutica dos EUA anuncia resultados positivos dunha posible vacina

Publicado o 18/05/2020 18:16
Unha farmacéutica dos EUA anuncia resultados positivos dunha posible vacina

A farmacéutica estadounidense Moderna Inc. informou este luns que obtivo un resultado "positivo" nunha fase temperá da súa vacina experimental contra o coronavirus SARS- CoV-2, que "ten potencial para evitar a enfermidade da COVID-19" e continuará en probas. 

"Os datos provisionais da fase 1, aínda que temperáns, demostran que a vacina con mRNA-1273 desenvolve unha resposta inmune da magnitude causada pola infección natural, empezando cunha dose tan baixa como 25 microgramos", dixo nunha nota o xefe médico da firma, Tal Zaks.

Os 45 participantes do estudo sobre a vacina candidata mRNA-1273, dirixido polo Instituto Nacional de Alerxias e Enfermidades Infecciosas (NIAD, en inglés) dos Estados Unidos, recibiron dúas dose de 25, 100 e 250 microgramos e en todos os casos desenvolveron anticorpos contra a COVID-19, segundo a farmacéutica.

Dúas semanas despois de que se lles inxectara a segunda dose aos participantes do grupo de 25 microgramos, "os niveis de anticorpos vinculantes estaban nos niveis vistos en sérum convalescente (mostras de sangue de persoas que se recuperaron da COVID-19)", e os do grupo de 100 microgramos "excedían" eses niveis

A firma sinalou que a súa vacina experimental "desenvolveu anticorpos neutralizadores" en oito participantes procedentes deses dous grupos (os únicos dos que ten datos, de momento).

"Estes datos substancian a nosa crenza de que a mRNA-1273 ten potencial para evitar a enfermidade da COVID-19 e mellorar a nosa capacidade de seleccionar unha dose para ensaios clave", agregou Zaks. 

"Cos positivos resultados provisionais da fase 1 e os datos positivos no modelo con ratos, o equipo de Moderna segue centrándose en avanzar o máis rápido posible con seguridade para empezar a fase 3 do estudo clave en xullo e, se ten éxito, solicitar unha BLA (permiso do regulador para comercializar)", agregou o conselleiro delegado de Moderna, Stéphane Bancel.