CRTVG

Buscar

Unha familia enteira, afectada pola covid en Cualedro

Publicado o 16/05/2021 12:31

Xa daban a covid por superada, cando unha familia do concello ourensán de Cualedro caeu, ao completo, nas súas redes: dous irmáns, a muller dun e os seus fillos pequenos. O máis grave foi o pai. Estivo na UCI case un  mes, entre a vida e a morte, pero, afortunadamente, xa pode contalo.

Desde que Fausto saíu da UCI, a súa muller Anxos non lle solta a man. Tocárense é o que máis botaron en falta no último mes.

"A necesidade de velo e tocalo, para min era o máis necesario", di Anxos.

Ela foi a primeira en caer. Febre alta, tos... Foi a principios de abril, cando Cualedro acabou pechado por unha agresiva cuarta onda.

"Entón xa, ao día seguinte, que os ían chamar para facer a PCR, el xa se puxo maliño, pero en horas", explican. "E movémonos nese par de horas e poida ser o que nos salvou", comentan.

Aos seus 60 anos, sen patoloxías previas, Fausto encarna o perfil de hospitalizados na UCI nesta cuarta onda, en que os maiores xa están vacinados: "Non daban un peso por min. Dicían: está máis para alá que para aquí. E que vaias ao hospital de Verín e que che digan 'chegaches moi tarde', mándante para aquí e dis 'adeus", indica.

A enfermidade tamén alcanzou os seus fillos, con síntomas leves, e o seu irmán, que pasou unha semana ingresado: "Fun ao hospital por urxencias e desde alí trouxéronme a Ourense por se collía pneumonía".

A Fausto aínda lle queda un tempiño no hospital. Agora toca recuperar músculos e articulacións tras a longa estadía na UCI.
 

Noticias web

16/05/2021