Unha familia de Tui está á beira do desafiuzamento polo suposto calote duns prestamistas
O pesadelo de Luísa e a súa familia comezou no ano 2012, cando o impago dun cliente lle impediu cumprir coas cotas dun préstamo bancario. Pedira 135.000 euros para mercar unha nave onde montar un negocio de electrónica e avalouna a avoa coa súa casa, onde agora vive cos seus pais octoxenarios e dependentes.
"Eu tiña unha hipoteca, e ía un pouquiño atrasada nos pagos, porque tiña un negocio e uns clientes quedáronme a deber", conta Luísa, que engade: "Para poñerme ao día faltábanme 300 euros e recibín unha carta, que fora vendida a hipoteca a un fondo voitre. Mandáronme ir a Vigo, eu quixen pagar os 300 euros e dixéronme que ou todo ou nada".
Despois da negativa do banco contactou cuns prestamistas de Vigo que lle prometeron que lle ían arranxar todo. Luísa relata: "Empezoume a pedir diñeiro, entregas ata 70.000 euros, e resulta que cando fun agora facer a declaración do meu pai atopeime con que non... Dixérame que me poñía xa todo ben, a casa a nome do meu pai, e atopeime que a casa non estaba a nome do meu pai".
Segundo a documentación do Xulgado de Tui, a vivenda foi adxudicada o pasado mes de febreiro a un fondo voitre de Luxemburgo que agora lles esixe abandonar o seu fogar.
"Temos que saír da casa, e outra casa para ir non teño, xa viches como están os meus pais, e non teño outros medios. Agora encóntrome sen diñeiro e sen casa", láiase Luísa, que xa denunciou os supostos estafadores e confía en que se faga xustiza.