Unha familia abandona a súa casa por unha invasión de ratas na Coruña
As butacas, os zapatos, os colchóns, a roupa, os xoguetes. A Lucía as ratas coméronlle ata a pasta de dentes. Esta coruñesa e a súa familia fóronse de vacacións deixando a casa limpa e cando volveron atoparon unha praga dentro.
Lucía Sánchez, entroulle unha praga de ratas na casa: "As almofadas das butacas tiñan cagadas e mexos, nos colchóns do cuarto dos nenos, o cuarto do neno pequeno cheiraba que non podías entrar".
Lucía sospeita que as ratas entraron polos condutos de ventilación da cociña. Pero hai outros pisos que tamén teñen problemas. Ela asegura que hai ratas en todo o barrio de Elviña e que as casas non estarán a salvo se non se actúa na rúa.
"Como poden entrar ratas nun piso en plena cidade? Teño que cambiar as ventás, que eu non estou tranquila aquí. Vou pola casa mirando para o chan para non encontrar nada".
Esta familia tivo que tirar a maioría das súas cousas e pagar unha empresa de control de pragas. Pero aínda se enfrontan a obras e moitos gastos. Nestes momentos están vivindo cos pais e non saben cando poderán volver ao seu piso.