CRTVG

Buscar

Unha exposición exhibe legado de 40 anos de vixencia do Estatuto autonómico

Publicado o 28/04/2021 16:07

'Unha Galicia mellor: 40 anos do Estatuto de Autonomía 1981-2021' é o título da exposición que acolle o Museo do Pobo Galego e na que se fai un repaso aos corenta anos de vixencia estatutaria e dáse mostra dos avances experimentados ao longo destes anos pola comunidade autónoma galega.

Á inauguración da mostra, presidida polo máximo mandatario galego, Alberto Núñez Feijóo, asistiron, entre outras autoridades, o titular do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o conselleiro de Educación, Cultura e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo.

Tamén estiveron presentes no acto cinco dos relatores que participaron na elaboración do Estatuto de Autonomía: Víctor Vázquez Portomeñe, Ramón Álvarez Cid, Camilo Nogueira, Francisco Puy e Luís Sobrado.

Na súa intervención, o presidente da Xunta puxo de manifesto a contribución dos corenta anos de vixencia do Estatuto de Autonomía á "marca Galicia", e dixo que a exposición hoxe inaugurada é unha mostra de "a etapa máis potente, máis aberta e de maior autoestima do pobo galego na historia".

Afirmou Feijóo que a mostra que acolle o Museo do Pobo Galego pon de manifesto que o Estatuto "é unha historia de éxito, de punto de encontro, de motor de avance que se prolonga xa por catro décadas", e no que, dixo, "o máis importante é que cabemos todos".

"É difícil entender -afirmou o presidente- a aqueles que no canto de sumarse a esta traxectoria e recoñecela pretenden romper con todo e excluír, algo que no canto do éxito conduce sempre, irremediablemente, ao fracaso".

Dixo Feijóo que a Autonomía "plena" que hoxe gozan os cidadáns galegos "tivo que vencer serias resistencias que obedecían a un deseño asimétrico do Estado das autonomías", e, neste sentido, indicou que "as asimetrías autonómicas, ou mal chamadas federais, baseadas exclusivamente no privilexio, teñen unha tradición que remiten a aqueles tempos iniciais da autonomía galega, aludindo a "aqueles que pretendían reservar o dereito da autonomía a dúas comunidades autónomas".

"Estes intentos de asimetrías baseados nos privilexios seguen na actualidade. Galicia, pois, segue vixiante con respecto, con argumentos e con razón", aseverou.

Pola súa banda, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, reivindicou a transición e posterior descentralización como motores da etapa "de maior crecemento, estabilidade e prosperidade da nosa historia".

Para o titular do Lexislativo galego, nestes 40 anos de vixencia estatuaria, Galicia converteuse nun dos territorios con maior capacidade de autogoberno de Europa, coa especificidade da "harmonía que caracteriza ao noso autogoberno, a estabilidade nesta etapa dunha certa convulsión xeral, afastada das tensións que se rexistran noutros ámbitos xeográficos, e a plena lealdade institucional das súas organizacións".

Vázquez Portomeñe, un dos relatores que participaron na elaboración do Estatuto, afirmou que foi o "espírito da Transición, o espírito da concordia e o espírito da convivencia" unha parte fundamental da etapa de construción institucional da Autonomía galega.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, expresou o seu desexo de que o vixente Estatuto de Autonomía de Galicia poida ser "ampliado e mellorado" e que se manteña vixente durante moitos anos máis para que siga "rendendo tan bos froitos para Galicia e para o conxunto dos galegos".