Unha escavación en Lugo saca á luz parte do trazado dunha calzada romana
Durante os traballos iniciais de construción dun hotel na praza de Santo Domingo, no centro da zona vella de Lugo, apareceron os restos dunha calzada romana. O tramo da antiga vía urbana está en perfecto estado de conservación, o que resulta curioso xa que se atopaban a menos dun metro de profundidade.
Logo dunha primeira observación, os arqueólogos cren que a calzada foi construída na época de maior apoxeo romano na cidade posto que está feita con pedras labradas e non con cantos rodados, como sucede noutras partes de Lugo.
"Unha superifice duns 300 metros cadrados. E o que apareceu foi un tramo do viario romano da cidade moi ben conservado e de enlousado atípico".
O decumano, que é como se denominan este tipo de vías urbanas, ten unha anchura duns oito metros e todo indica que servía tamén para delimitar o que foi unha praza pública. Calcúlase que a calzada foi construida na época do alto imperio romano, antes de que se erguera a muralla. En escavacións anteriores xa apareceran outros fragmentos do decumano polo que se considera que era unha das rúas principais da cidade e na que confluían outras de menor tamaño. Con este achado, será máis fácil definir o mapa de Lugo en tempos dos romanos.
"Sabiamos que podía estar aí pero descoñeciamos en que estado se atopaba. Para estar tan alto, consérvase moi ben".
Os promotores do hotel que se vai construir sobre a calzada teñen a intención de conservalo tal como está e que serva de atracción para as persoas que se aloxen no establecemento.