CRTVG

Buscar

Unha enquisa en 'The Sunday Times' dálle maioría absoluta a Boris Johnson

Publicado o 08/12/2019 21:15

O Reino Unido acode ás urnas a vindeira semana e o partido xógase entre o primeiro ministro Boris Johnson e o líder dos laboristas, Jeremy Corbyn.

"Teño 50 anos e é o peor que vin na miña vida sobre o estado da política. Todos eles son uns mentireiros", di este cidadán.

Esta muller asegura que non adoita votar conservador e que non confía particularmente en Boris Johnson, pero que si lle vai votar esta vez: "Quero saír da UE e é o único que nos vai sacar", asegura.

O xornal The Sunday Times publicou este domingo unha enquisa en que dá como claro gañador a Johnson, e serao, segundo eses resultados, con maioría absoluta.

A sondaxe indica que os tories obterán o 43% dos votos, dez puntos porcentuais máis que o Partido Laborista. Iso traduciríase en que os conservadores regresarían ao Parlamento de Westminster con 344 dos 650 escanos en xogo, 27 máis que na lexislatura anterior e os laboristas acadarían 221 escanos, con 41 menos.

En caso de que se cumpran os prognósticos, a vitoria de Johnson sería a máis ampla desde a do laborista Tony Blair en 2005.

Por detrás das grandes formacións británicas situaríanse o Partido Nacionalista Escocés, con 47 deputados, 12 máis, e o Liberal Demócrata quedaría con 14, co que subiría dous.

Durante a campaña, Corbyn defendeu renegociar coa UE un novo acordo, para despois sometelo a outro referendo. Johnson cre que hai que pasar páxina e levar a cabo o brexit a toda costa o 31 de xaneiro.

Pero ademais do tema do brexit, a inmigración volveu cobrar protagonismo este domingo. Nunha entrevista, Johnson deu detalles dos seus plans para evitar que os traballadores estranxeiros "non cualificados" poidan establecerse permanentemente no Reino Unido.

Noticias web

08/12/2019