CRTVG

Buscar

Unha enfermeira de Nova York, primeira persoa en recibir a vacina nos EUA

Publicado o 14/12/2020 18:02
A cidade de Nova York elixiu unha enfermeira da comunidade afroamericana, unha das máis castigadas pola pandemia, e o barrio de Queens, unha das áreas onde a covid-19 roubou máis vidas no país, para comezar a súa campaña de vacinación neste estado, que segue sendo o que máis defuncións rexistrou debido ao coronavirus.
 
A enfermeira de coidados intensivos Sandra Lindsey, que traballa no hospital Jewish Medical Center, recibiu a primeira dose da vacina á 9.23 hora local (14.23 GMT). "Espero que isto marque o principio do final dun tempo moi doloroso na nosa historia", dixo a sanitaria tras recibir a dose da vacina desenvolvida pola farmacéutica Pfizer e que foi aprobada pola Administración de Alimentos e Medicamentos (FDA, en inglés) de Estados Unidos o pasado venres.
 
Sentada nunha cadeira, xunto á doutora que lle inoculou a dose, tamén afroamericana, Lindsay quixo dar as grazas a todos os traballadores de primeira liña do mundo que como ela loitaron e seguen loitando contra a enfermidade, que en Nova York causou máis de 35.000 mortes, sobre todo durante a primeira onda da pandemia na pasada primavera. "Quero inculcar a confianza no público de que a vacina é segura", dixo a enfermeira, que insistiu en que ela cre na ciencia e en que o seu traballo "está guiado pola ciencia".

Seguemento da xornada

A administración da dose tivo lugar nunha conexión en directo co gobernador do estado Andrew Cuomo, que fixo as veces de presentador do evento.
"Creo que esta é a arma que acabará a guerra. É o comezo do último capítulo do libro", dixo Cuomo momentos antes de que Lindsay recibise a vacina.

Cuomo, que agradeceu o traballo dos profesionais da saúde e dos traballadores de primeira liña, aos que non dubidou en denominar "heroes", insistiu no seu desexo de distribuír a vacina o máis rápido posible.

Os EUA supera as 300.000 mortes confirmadas pola covid-19 

Os EUA supera as 300.000 mortes confirmadas pola covid-19, un sombrío récord que se alcanzou o mesmo día no que empezou a administrarse a vacina no país, e no medio dunha dos refachos máis letais desde que comezou a pandemia. Os contaxios no país superan os 16,3 millóns.