Unha empresa de Taboada deseña un pulverizador de xel hidroalcólico e doa o primeiro ao CHUO
Un xesto tan simple coma este resulta vital a día de hoxe. Canto máis se falamos de lugares frecuentados por centos ou milleiros de persoas cada día como pode ser un hospital. Unha soa pulverización contribúe a necesaria hixiene de mans, e pode ser o freo de moitas futuras infeccións.
"O que gañamos coa solución hidroalcólica é que reducimos esa técnica en tempo. É dicir: coa solución hidroalcólica son vinte ou trinta segundos e se o temos que facer con auga e xabón xa estariamos falando de corenta ou sesenta segundos".
Esta empresa de Taboada leva semanas deseñando e facendo realidade este proxecto. Fabrican unhas dez unidades ao día, e esperan en breve sextuplicar esa cantidade. O seu primeiro prototipo veu parar aquí en forma de doazón, ao Hospital Santa María Nai de Ourense.
"O que tentamos era buscar un lugar onde máis xente se puidese sentir beneficiada polo pulverizador. Pensamos nun hospital, obviamente, e despois pensamos que deixalo en Galicia sería unha opción máis que correcta, e por iso o fixemos, por iso está aquí e a xente o está a utilizar".
Estes dispensadores chegarán tamén nas próximas semanas a outros hospitais, a estacións de tren de Madrid e Barcelona e a diversos edificios da Administración pública.