Unha empresa de Lugo recibe por erro un paquete con cocaína
Empregados dunha empresa lucense, que esperaban un paquete con documentos para o seu traballo recibiron, por erro da empresa de mensaxería, un paquete con cocaína, segundo informa a Policía.
Ao decatarse de que o paquete non contiña documentos, senón droga, superada a sorpresa inicial, os traballadores da empresa denunciaron o erro á policía.
Axentes especializados en tráfico de drogas acudiron á empresa e comprobaron que, efectivamente, o paquete contiña cocaína, polo que iniciaron unha investigación.
Os axentes concluíron que un erro de etiquetaxe levou o paquete con documentos a León e a droga á empresa de Lugo.
Ao acudir á vivenda á que ía inicialmente dirixida a droga, a policía detivo dúas persoas de 32 anos, unha parella sen antecedentes penais que exercía de home de palla e que era a terceira vez que recibía un paquete desas características.
A receptora do paquete era unha muller sospeitosa de dirixir unha rede de tráfico de droga que compraba a cocaína en Vigo e enviábaa a si mesma a ese domicilio en León, onde adoitaba recollelo o mesmo día que chegaba ou ao día seguinte, sen que os receptores o abrisen para comprobar o contido.
Ao recibir en León por erro os documentos, a muller contactou coa empresa de transporte para pedir que o seu paquete non fose aberto baixo ningún pretexto alegando que contiña "obxectos moi íntimos".
Axentes de policía vixiaron a oficina da empresa de repartimento en León, á espera de que a responsable da trama acudise recoller o seu verdadeiro paquete para detela, pero ao non acudir iniciaron unha operación para localizala.