Unha empregada dunha empresa en Portas atopa unha serpe na papeleira da oficina
Aparece unha serpe dun metro na papeleira dunha oficina de Portas, en Pontevedra. Os voluntarios de Protección Civil identificárona e procederon á súa retirada. A pesar do susto que levou a empregada que a atopou, o réptil non supuña risco ningún para as persoas.
Montse dirixiuse ao seu posto de traballo como cada maña nun negocio de Portas. O que non imaxinaba era que a xornada pintaría diferente ao que está acostumada.
"Pois nada, como é habitual, traballando, vou a oficina e séntome na silla e vou tirar un papel que sobraba, vexo unha serpe toda entrelazada na papelera", di Montse.
Montse non é unha muller medoñenta, e a pesar diso o primeiro que fixo cando viu ao réptil, dun metro de lonxitude, foi saír correndo. "É superior a min. Lagartos, ratos... si. Pero as serpes son superiores a min", engade recordando o momento no que saíu correndo.
Cando se tranquilizou, tras falar co seu xefe, decidiu chamar a Protección Civil de Portas. Os voluntarios do corpo comprobaron que se trataba dunha serpe de auga que, en principio, non supuña un risco para as persoas. Así, procederon a súa retirada.
"Chamei a Protección Civil e cando chegaron xa se encargaron dela. Cando entraron a culebra xa non estaba na papelera, tiveron que mover algún moble. Atopárona debaixo da torre da computadora, e nada, xa se encargaron eles de todo", conta Montse.
Protección Civil entregou o ofidio no departamento de Medio Ambiente, encargados de devolver a serpe ao seu hábitat natural. Agora Montse, tras ese pequeno susto, relata o acontecido como unha boa anécdota que agarda, iso si, que non se repita.