CRTVG

Buscar

Unha ducia de centros galegos, na final dun concurso de habilidades empresariais

Publicado o 05/05/2021 09:42

Víctor ultima cos seus alumnos de Economía as estratexias que van empregar este venres na competición final do Young Bussines Talents, un concurso escolar que, mediante unha ferramenta dixital, pretende enriquecer a actividade didáctica en materia económica. E faino convertendo os estudantes en directivos empresariais.

"É unha introdución moi boa ao que logo van atopar na realidade empresarial", di Víctor Garbí, "porque se trata de tomar decisións de márketing". O profesor de Economía engade que utilizan un programa de ordenador "que simula un mercado, neste caso de empresas leiteiras que teñen que vender e producir leite e iogur".

Producir, vender e obter os máximos beneficios. Fano a partir de datos que proporciona este simulador e coa toma de decisións en tempo real. Os dous equipos do San Tomé de Freixeiro finalistas teñen claro cales son os seus puntos fortes.

Pablo Fernández, un deles, apunta: "É a capacidade de anticiparnos ás outras empresas para poder sacar o máximo beneficio no noso campo".

Porque, como engade Adrián Álvarez, "o produto leiteiro en Galicia é o mellor do mundo".

O venres saberase se ese bo posicionamento no mercado se materializa e resultan gañadores. Competirán contra preto de 500 mozos de 95 centros docentes, 12 deles tamén galegos.