CRTVG

Buscar

Unha das coadas entra na Laguna arrastrando rochas de gran tamaño

Publicado o 20/10/2021 18:28
EFE

O barrio da Laguna teme correr a mesma sorte que o veciño Todoque, xa desaparecido, tras o avance nas últimas horas da lava do volcán da Palma polo seu centro urbano, destruíndo unha estación de servizo e aproximándose á praza da igrexa e ao colexio.

Este era, hai 24 horas, o escenario máis pesimista para o comité de crise, que confiaba en que acabase confluíndo con outras correntes de lava e chegando todas elas ao mar. Agora as esperanzas están postas en que o grupo de coadas que atravesa o barrio da Laguna, evacuado desde hai unha semana, continúe o seu avance cara ao sur da montaña do lugar, pois de dirixise ao norte habería "un escenario pouco desexable" de danos, arrasando novas edificacións e moitos cultivos ao longo da estrada da costa.

Mentres, a coada situada en Tazacorte está a 130 metros da costa, e a uns 80 do cantil, pero non se prevé unha inminente caída ao mar porque o seu movemento é lento e evolucionou moi pouco nas últimas 48 horas. Se chegase ao mar xa se previu ordenar un confinamento da poboación ante a probable emisión de gases de ácido clorhídrico.

Aínda que poida considerarse tecnicamente "estabilizado", o proceso eruptivo "non está preto do seu final" e existe "a ameaza de que ese poder destrutivo aumente en próximos días". "Nin estamos preto do final nin sabemos a rudeza, a crueza e o dano que provoque" este desastre natural, proclamou o presidente de Canarias.

A superficie afectada pola erupción é de 807,85 hectáreas, 27,96 máis que onte, e a anchura máxima entre as coadas interiores é de 2.900 metros, segundo datos que non puideron ser actualizados nas últimas horas por condicións climatolóxicas adversas. Os cultivos afectados ocupan 245,88 hectáreas. Á espera de novos datos do sistema Copernicus, segundo o catastro hai 1.122 edificacións destruídas, das que 902 son de uso residencial, 115 agrícola, 56 industrial, 25 de lecer e hostalería, 10 de uso público e 13, doutros usos. 

Noticias web

20/10/2021