CRTVG

Buscar

Unha condutora libra por pouco de que lle caese unha árbore enriba en Noia

Publicado o 16/03/2019 15:18

A cámara dun móbil conseguiu rexistrar o momento no que un castiñeiro se precipita sobre a estrada xusto no instante en que circulaba un vehículo pola zona. Aconteceu na estrada que xunta Noia con Porto do Son, á altura da parroquia de Santa María de Obre.

No vehículo ía só a condutora, unha veciña do concello próximo de Outes, que non sufriu danos pero si levou un tremendo susto. Na zona estábanse facendo labores de corta e segundo fontes policiais, o cable de seguridade que suxeitaba a arbore partiu e provocou o accidente.

A condutora do vehículo non puido evitar que as pólas da árbore alcanzaran o coche, que sufriu danos no soporte do teito, no capó e nun dos faros.

A estrada quedou momentáneamente cortada nun dos seus carris, ata que os propios operarios da empresa conseguiron retirar o refugallo da árbore. Dende fontes policiais aseguran que se está a investigar o accidente dende un suposto delito contra a seguridade viaria. A normalidade volveu á vía unha hora despois.

Noticias web

16/03/2019