Unha comunidade de veciños de Lugo sairá a rúa en contra dun veciño moroso
Tras dous anos de requirimentos e xuízos e fartos dos impagos dun dos propietarios á comunidade, os veciños dan un paso máis e esta tarde sairán a rúa. Concentraranse diante o negocio do veciño moroso para facer pública unha situación que cualifican de insostible e que din está levando a quebra a comunidade.
Así o explicaba o voceiro da comunidade, José Luis López: "Porque é un veciño máis, non temos nada persoal en contra del, pero claro é unha situación que de seguir así, o concello e o resto das administracións cando non paguemos os impostos van tomar medidas drásticas contra a comunidade, polo tanto nos leva a quebra".
Trátase dunha comunidade reducida, de só 12 veciños, coa peculiaridade de que moitos son pensionistas e algúns incluso en situación de desemprego.
"Están co subsidio de 430 euros, e como eles ben din, se eles fan o esforzo por contribuír para que os servizos básicos se manteñan, e este veciño que aparentemente ten unha vida normal nin dá a cara nin paga unha cota. Agora mesmo, a conta da comunidade está a cero", subliñou José Luis López.
Hai unha sentenza que lle dá a razón a comunidade e obriga o demandado a aboar a débeda e as custas, un total duns 3.000 euros: "Non pretendemos ningún desafiuzamento nin dano, só que contribúa, e se non pode que dea explicacións", puntualizou o voceiro da comunidade.
O demandado, que non quixo facer declaracións ante a cámara, si manifestou que a súa situación económica é delicada e que arestora ten todas as súas propiedades embargadas e ten un proceso aberto de desafiuzamento da súa casa e negocio.