CRTVG

Buscar

Unha comisión do Senado do Brasil acusa a Bolsonaro de crimes contra a humanidade

Publicado o 20/10/2021 22:19

Un informe atribúe ata noves delitos ao presidente do Brasil pola xestión da pandemia

Un durísimo informe presentado este mércores por unha comisión do Senado sobre a pandemia en Brasil concluíu que o presidente Jair Bolsonaro agravou a crise por unha "decisión política" e acusouno de "crimes contra a humanidade".

O documento tamén denuncia o mandatario por outros oito delitos, tipificados como epidemia con resultado de morte, infracción de medidas sanitarias, charlatanería médica, incitación ao delito, atentados contra a dignidade do cargo, prevaricación, falsificación de documentos e uso irregular de diñeiro público. "O presidente incentivou en forma reiterada a poboación para incumprir o distanciamento social, opúxose ao uso de máscara, promoveu aglomeracións e tentou descualificar as vacinas", di o informe, unha sorte de gran síntese das actitudes que o líder da ultradereita adoptou fronte á pandemia desde o seu inicio. Agrega ademais que "esa estratexia, en verdade fundamentada na idea de que o contaxio natural induciría á inmunidade colectiva, foi produto dunha decisión política que apuntaba exclusivamente a un rápido restablecemento das actividades económicas".

O informe é o corolario dun traballo de investigación que se prolongou durante os últimos seis meses e foi presentado cando o Brasil xa supera as 600.000 mortes por coronavirus, que eran 391.000 o pasado 27 de abril, data en que se constituíu a comisión. As conclusións do texto serán votadas polos once membros da comisión a semana próxima e, se fosen aprobadas, serán remitidas aos tribunais, que terán a última palabra sobre os eventuais procesos. 

Noticias web

20/10/2021