CRTVG

Buscar

Unha chousa de Chantada acolle un parque temático dedicado ao carballo

Publicado o 15/08/2020 21:26

Un paraíso de madeira, feito de madeira e non dunha calquera. Procede dun carballo centenario que sucumbiu á forza do vento e que acabou por se converter en “Carballolandia”, o primeiro parque temático do mundo dedicado a esta árbore.

Brais Moure, que é monitor de tempo libre, e fillo do dono do parque explica que "Carballolandia é un espazo natural, lonxe do ruído, que ao mesmo tempo é un parque temático centrado na figura desta árbore tan autóctona galega como é o carballo, sobre todo no que estou sentado que por causa da natureza caeu nas ventiscas do inverno e xerou este movemento tan natural".

Este lugar privilexiado atópase en Chantada e alúgase para que grupos ou familias poidan gozar das atraccións deste parque situado nunha chousa a carón dun regato.

Indica Brais Moure que "nós intentamos ser pouco agresivos coa natureza, libralo de fentos para que se poida camiñar e traballar a madeira e a corda. Temos tamén bambáns e alí aínda que hoxe non a temos con libros, hai unha pequena biblioteca no bosque e temos igualmente un túnel con auga".

Rodeado de carballos e castiñeiros o parque invita ao divertimento.
A iniciativa é unha colaboración do artista César Freiría, máis coñecido como Cé Orquestra Pantasma, co propietario da chousa, Anxo Moure, nunha aposta pola natureza e a paisaxe natural.

Noticias web

15/08/2020