CRTVG

Buscar

Unha cámara no fondo do mar agochaba o recordo dun naufraxio

Publicado o 11/07/2019 22:28

Un mariñeiro do Porto do Son trouxo unha sorpresa prendida na rede. Resultou ser unha pequena cámara de fotos. O milagroso é que cámara aínda funcionaba despois de botar tres anos no fondo do mar. Pertencía a dous náufragos que a perderon mentres os rescataban. O seu veleiro afundiu, pero as súas fotos saíron á superficie.

En toda ría sopran historias, e algunhas téñenche un aire ben peculiar. "No mar podes encontrar de todo", di Joaquín 

Esta historia saltou directamente do fondo do mar ao barco deste mariñeiro de Porto do Son. Porque Joaquín trouxo a bordo algo inesperado. Parecía unha lanterna. "Viña enganchada así na rede de enmalle. Viña toda chea de arneirón."

E ao limpala ben de cunchas chegou a sorpresa: era unha cámara. "Abrina, e tiña a tarxeta ben. Metina no ordenador e resulta que son as fotos do veleiro que foi ao fondo por fóra das Basoñas."

As fotos de dous homes que navegaban a pracer por Galicia cando fronte ás praias do Son sucaron unha zona marcada de perigos que lle abriu unha vía de auga ao veleiro de bandeira inglesa. "O máis seguro que tocara nun baixo que hai alí por fóra das Basoñas."

Lanzaron o sinal de socorro, e mentres afundía o veleiro tiveron tempo de sacar máis fotos. Mentres o helicóptero Pesca I izaba un tripulante, o outro utilizaba a cámara. "Deberon de perdela nese momento, ao subir ao helicóptero no rescate."

Debeu de ocorrer neste momento recollido nestas imaxes de Gardacostas de Galicia. Era abril de 2016. Rescate con éxito. Pero as fotos quedaron sepultadas pola presión do mar ata que Joaquín as pescou a máis de 50 metros de profundidade. "O raro é iso, que aguantara tanto tempo unha cámara destas que, mirei na Internet, é para 10 metros nada máis."

Un pasado rescatado de tres anos de salitre. A ver agora que futuro atopa esta historia aberta. "Intentar localizar os donos e mandarlles as fotos, se se pode. O que pasa é que hai que saber o nome deles."

O veleiro afundido chamábase Mistral.

Noticias web

11/07/2019