CRTVG

Buscar

Unha banda asalta na mesma noite unha nave en Castro de Ribeiras de Lea e un restaurante en Lugo

Publicado o 10/01/2020 13:27

Unha banda organizada asaltou esta nave de máquinas expendedoras do polígono industrial de Castro de Ribeiras de Lea, en Castro de Rei. Rebentaron o portal cun Seat Ibiza e colleron as bolsas con moedas para as voltas e mais os cartos que había na caixa rexistradora. En apenas cinco minutos, fixéronse cun botín duns 1.400 euros.

"Pola noite, contra as dúas, cun coche rebentaron o portal e axiña saltou a alarma. Entraron a correr, meteron o coche dentro, andaron remexendo por todo o taller e estiveron por aquí na procura de cartos. Ao cabo, levaron a caixa rexistradora, que era onde había algo de diñeiro para pagar unha factura. Normalmente non hai, ademais, pois non deixamos nada".

A Garda Civil investiga agora a identidade dos autores deste asalto, que foron gravados polas cámaras de videovixilancia. Maior aínda que o botín que levaron foi a contía dos danos materiais ocasionados, que superan os 2.000 euros. A isto hai que engadir os sucesivos roubos que veñen sufrindo nos últimos meses nas máquinas expendedoras do mesmo negocio, coma nestes edificios municipais de Lugo ou nesta nave nun polígono de Sarria.

"Parece que nos colleu unha desgraza, pois nos rouban por todas partes. Roubáronnos nas máquinas que temos no Concello de Lugo, en Sarria tamén, onde roubaron hai pouco... Está visto que hai moitos roubos e tócannos a moitos, non só a nós, pero nós levamos uns castro meses de actos vandálicos en que non levan moito pero o dano que fan, entre moedeiros, billeteiros, cristais, volver pedir pezas e o tempo que deixas sen darlles servizo aos usuarios, pois é moi grande".

Na mesma noite, unha hora despois, ao parecer a mesma banda asaltou un restaurante no Picato. Forzaron a porta e fixéronse co diñeiro da caixa. Ademais, rebentaron unha comecartos, valorada en máis de mil euros, e levaron a máquina do tabaco no maleteiro do Seat Ibiza. Neste caso, os feitos foron denunciados na comisaría de Lugo.

Noticias web

10/01/2020