Unha banda lévanlle 15.000 euros a unha veciña de Guitiriz co calote do 'tocomocho'
Unha banda organizada, dedicada ao calote coñecido como o 'tocomocho', subtraeulle 15.000 euros a unha veciña de Guitiriz. A muller estaba a segar a herba en diante da súa casa cando se foron presentando, un tras doutro, os integrantes do grupo. Primeiro, unha moza que preguntaba onde podía cobrar uns cupóns premiados; logo, un suposto axente inmobiliario, e, por último, o condutor dun vehículo.
Teresa Barral, vítima da subtracción: "Ela sacou un cupón do peto, dixo que o tiña premiado e preguntou onde podía ir cobralo. Entón o outro sacou o teléfono, e falou con alguén máis que debía de ser cómplice deles. A paisana foille dicindo os números e díxolle que o tiña premiado, cun premio de 30.000 euros cada décimo. E ela dixo que tiña dez, aínda que non os ensinou".
A vítima dos feitos, de 66 anos, aínda non se explica que lle puido acontecer para que metese os cartos no bolso e subise a un coche cuns estraños. Polo camiño, pedíronlle que baixase comprar unha botella de auga para que a moza puidese tomar unha pastilla para a tensión, e cando volveu xa marcharan co seu diñeiro.
Teresa Barral, vítima da subtracción: "No bolso tiña a cartilla, porque ía ir despois á compra, a carteira coa documentación toda, as lentes graduadas e o móbil. Aparváronme así, desa maneira, que nin sei nin como me puideron aparvar. Eu, ao final, non podo concibir o que foi".
Tras quedar sen os cartos, a vítima cancelou a súa conta no banco e presentou unha denuncia no cuartel da Garda Civil, que está a investigar os feitos.