CRTVG

Buscar

A familia do galego retido no Iemen once meses confírmalle á TVG que foi liberado

Publicado o 29/08/2021 21:52

Pablo Costas, o patrón de Bueu retido en Iemen once meses, e outros tripulantes do pesqueiro xa abandonaron o barco en que estaban en condicións insalubres e están nun hotel. Podía facelo tras ser liberado polas autoridades iemenís.

Así o publicaba a axencia rusa de noticias Sputnik, que xa se puxo en contacto cos achegados do mariñeiro, que xa teñen comunicación oficial desta decisión.

Tanto a el coma o resto da tripulación xa se lles devolveron os pasaportes para regresar á casa. No caso de Costas, estaría nun hotel de Al Mukalla, á espera de poder volver, por fin, a España.

A previsión é que lle poidan facilitar un convoi de seguridade para que se poida desprazar ata o aeroporto, a uns 270 quilómetros. Non hai data concreta, polo momento, para o seu regreso.

A odisea de Pablo Costas comezou en xullo de 2020, cando o pesqueiro en que traballa, o Cobija, de bandeira de Bolivia, foi sometido a inspección no Índico polas autoridades australianas. Confirmaron que todo estaba ben, pero cando estaba en mar aberto, venderon o barco a un armador somalí que lle ordenou á tripulación poñer rumbo a Iemen.

En setembro informaron a Pablo Costas dunha orde de detención por parte da Interpol, cursada por Australia, que o acusaba de pesca ilegal. Condenárono a tres meses de arresto, e tras cumprilo o fiscal presentou recurso para paralizar a súa repatriación. Ata agora, que Exteriores e a muller do mariñeiro galego confirman a súa liberación e agardan pronta volta á casa.



 

Noticias web

29/08/2021

Máis sobre Bueu