CRTVG

Buscar

Unha avogada despedida de Podemos denuncia graves irregularidades no partido

Publicado o 04/12/2019 22:14
Unha avogada despedida de Podemos denuncia graves irregularidades no partido

Os ex-avogados de Podemos José Manuel Calvente Redondo e Mónica Carmona Segura, que traballaban para Podemos como Delegado de Protección de Datos e como Responsable de Cumprimento Normativo do partido, respectivamente, denunciaron nun comunicado que foron cesados pola formación violeta como "un grave acto de represalia e posibles coaccións" por estar a investigar "graves irregularidades" nos asuntos dos que eran responsables, que afectarían, segundo sinalan, varios cargos internos.

"Nos últimos meses producíronse unha serie de irregularidades moi graves que poderían comprometer seriamente o partido como entidade xurídica desde un punto de vista penal, administrativo e reputacional", afirman os letrados no texto.

Con todo, fontes do parido morado aseguran que os feitos denunciados nese comunicado non son certos e que ambos os despedimentos están perfectamente xustificados, e atenden a un  reordenamiento interno das áreas e equipos do partido.

Segundo explican os avogados no seu escrito, iniciaran "expedientes internos de investigación para aclarar os feitos e defender o partido ante unha posible reclamación", e a resposta da dirección de Podemos foi "inventar acusacións" contra Calvente "para xustificar laboralmente o seu despedimento" e propoñer a substitución de Carmona "coa escusa dunha "reorganización de departamentos".   

"Todo iso para tentar de forma pueril ocultar as graves infraccións legais obxecto de investigación e tentar dobregar a nosa vontade", denuncia Carmona no comunicado, que asina ela soa, e que vai dirixido ao Consello Cidadán Estatal de Podemos.

Avisan de posibles infraccións penais

En concreto, Carmona explica que como responsable de Cumprimento Normativo a súa obrigación era "advertir das irregularidades cometidas polos membros do partido"; responsabilidades que, segundo sinala, "poderían implicar infraccións penais ou administrativas" para algúns dirixentes.

"Estamos a falar de irregularidades financeiras, en materia laboral e de limpeza na realización das consultas e primarias do partido que de confirmarse poñerían en cuestión os elementais centrais da nosa lexitimidade como organización", avisa.

Ademais, engade que "se finalmente resultase a existencia de delitos", poderíase considerar que os seus despedimentos se considerarían "un intento de ocultación de probas e un delito de encubrimento".

"O feito máis preocupante é que o despedimento levará inevitablemente a unha demanda laboral e que neste caso a xudicialización dos feitos traerá graves consecuencias para o partido debido a que sairán irremediablemente á luz feitos tremendamente comprometedores para algúns cargos internos e responsables do partido", avisa a continuación.

"Ante a gravidade destes feitos, que poden terminar afectando gravemente a reputación de Podemos, véxome obrigada a advertir a todos os membros do Consello Cidadán Estatal para que adopten as medidas e acordos necesarios para ordenarlle ao Consello de Coordinación a restituír a don José Manuel Calvente Redondo no seu posto de Delegado de Protección de Datos e a rexeitar a miña substitución como Responsable de Cumprimento Normativo, permitindo que se continúen as investigacións internas en marcha para individualizar as responsabilidades que puidesen derivarse deses actos, protexendo o partido como tal", conclúe o seu comunicado.