Unha avaría telefónica deixa 25 días sen teleasistencia a unha muller de Pontedeume
Josefa Freire vive na parroquia de Andrade, en Pontedeume. Ten 84 anos e, desde hai dous, precisa dun servizo de teleasistencia que funciona a través dunha liña telefónica. O problema é que leva case un mes co teléfono avariado e non consegue que lle restablezan o servizo.
A súa filla, María José Martínez, está desesperada: "O problema é que ao ser de Vodafone non podes chamar a Movistar. Pero o problema non é dentro da casa, é fóra, e non teño forma humana de que se amañe. Pásanse a pelota uns a outros e xa non sei que facer".
O teléfono deixou de funcionar como consecuencia dunha tronada o día sete de novembro. Ao parecer os técnicos amañárono pero debeu ser moi provisional porque a liña só estivo operativa tres horas. "Un técnico de Vodafone díxome que a solución sería poñer 4G con caixa de voz . Pasáranme a outros departamentos, o de sempre, e dinme que si, que poden poñelo pero que me cobran o aparello e teño que aceptar unha permanencia", explica a filla.
Cansa de dar parte no servizo de avarías, María José acaba de presentar unha denuncia na Xefatura de Telecomunicacións da Coruña.