CRTVG

Buscar

Unha anciá de Madrid, terceira vítima en España polo coronavirus

Publicado o 05/03/2020 10:49

A segunda vítima é un home de 82 anos en Euskadi

• Sanidade mantén a fase de contención con 234 casos

Unha anciá de 99 anos, contaxiada de coronavirus, faleceu en Madrid o martes 3 marzo, o que supón a primeira morte na Comunidade madrileña e a terceira en España.

Segundo confirmaron fontes do Goberno rexional, á muller -que tiña outras patoloxías previas- detectóuselle a infección por COVID-19 tras a súa morte, no hospital Gregorio Marañón.

A Comunidade de Madrid confirmou este xoves 89 casos positivos por coronavirus, fronte aos 76 deste mércores. 

Con esta morte son xa tres os pacientes mortos a causa do COVID-19 en España, tras os falecidos en Euskadi e a Comunidade Valenciana.

Sanidade mantén a fase de contención polo coronavirus con 234 casos

O Ministerio de Sanidade mantén o escenario actual de contención en España por coronavirus, segundo afirmou o ministro, Salvador Illa, quen solicitou a súa comparecencia no Congreso para dar conta da situación actual.

Este xoves hai 234 casos de contaxio notificados, 41 máis que onte. Dez deles están na UCI. Faleceron tres persoas e hai vinte casos sen vínculo coñecido e cuxo orixe podería ser o mesmo, detallou Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias.

Salvador Illa comezou a rolda de prensa tras presidir a reunión do Comité de seguimento do Coronavirus dando as condolencias ás familias dos tres falecidos en España, en Valencia, Biscaia e Madrid.

O ministro asegurou que España é "capaz" de conter o virus, polo que non é necesario cambiar de fase.