CRTVG

Buscar

Unha amiga, principal beneficiaria do patrimonio de Rosario Porto

Publicado o 21/12/2020 15:06

Rosario Porto repartiu o seu patrimonio entre as catro persoas que seguiron apoiándoa nos momentos máis difíciles: os dous avogados que a representaron, unha amiga íntima e unha curmá de lonxe.

Os letrados anunciaron que renuncian, a curmá herda un cofre con xoias e o groso do patrimonio, que supera o millón de euros, pasaría a mans de María Teresa Sampedro, a amiga.

Entre os bens a herdar figura este chalé de Teo, onde supostamente Rosario matou á sua filla Asunta. A casa está en venta, valorada en medio millón de euros antes do incendio que sufriu en outubro.

Porto dispuxo nun testamento feito en 2013 que os dous principais beneficiarios do seu patrimonio ían ser o seu primeiro avogado e amigo do pai, Juan Guillán, e María Teresa Sampedro, unha amiga da familia que a visitaba na cadea na que Porto cumpría condena por matar a súa filla.

O avogado Juan Guillán confirmou esta mañá que renuncia á sua parte, polo que o groso do patrimonio sería para María Teresa. Son dous pisos no centro de Santiago, un apartamento en Vilanova de Arousa e o chalé de Teo. Se acepta este millonario legado, terá que pagar un cuantioso imposto de sucesións.

"Ao non ser de pais a fillos, o imposto de sucesións pode ser moi elevado. Depende tamén do patrimonio que se herda", explica o avogado Evaristo Nogueira.

Rosario Porto deixoulle ao avogado que a representou en todo o proceso, Luis Gutiérrez Aranguren, unha colección de arte que ela herdou de seus pais. Aranguren confirmou que tamén vai renunciar por ética.

A cuarta herdeira é unha curmá de lonxe, á que lle deixa un xoieiro con pedras preciosas e xoias avaliadas en milleiros de euros.

Noticias web

21/12/2020