Unha alumna de Monterroso alerta o 112 tras accidentarse o autobús escolar
Os alumnos do instituto de Monterroso que facían a ruta de volta cara a Taboada non esquecerán o susto que levaron cando o condutor do autobús escolar se sentiu indisposto e tivo que dar un volantazo para acabar na beiravía. O accidente produciuse minutos despois de arrincar na parada de Antas de Ulla, cando quedaban catro estudantes a bordo.
"O condutor sentiuse indisposto cando ía facendo a ruta do instituto, arrimou o autobús á beiravía, e os nenos chamaron ao 112 ao ver que o chofer estaba indisposto. Veu unha ambulancia, mirárono alí e xa se recuperara o condutor", conta Belén Díaz, propietaria da empresa de transportes.
Foi unha das ocupantes do autobús, de 17 anos, a que alertou o 112, que deu aviso ao GES de Monterroso e mobilizou un helicóptero medicalizado, aínda que finalmente non chegaron a intervir. Si o fixo unha ambulancia, que trasladou o condutor do autobús ao hospital Lucus Augusti de Lugo. Os rapaces, que saíron ilesos, foron recollidos polas súas propias familias.
"O máis importante é a chamada ao 112 para que o máis pronto posible se mobilicen os servizos sanitarios e todos os medios necesarios para poder salvar vidas. Iso é o máis importante. Esa chamada, canto máis rápido se faga, máis rápido se intervén e máis pronto se pode chegar a salvar unha vida", explica Eduardo Vázquez, GES de Monterroso.
"Os nenos, loxicamente, estaban asustados ao ver o condutor indisposto. Chamaron ao 112, que era o que tiñan que facer, e por sorte non pasou nada máis", di con alivio a propietaria da empresa de transportes.
O condutor do autobús, que deu negativo no control de drogas, continúa ingresado no HULA, aínda que se prevé que reciba a alta médica ao longo desta xornada.