Unha adega estrea produción de aceite de oliva no Rosal
As terras do Baixo Miño teñen sona pola calidade dos seus albariños, e agora tamén polo que producen de aceite de oliva.
Unha adega de viño do Rosal acaba de lanzar ao mercado a súa primeira produción, que ten un carácter moi exclusivo, porque esta primeira edición só consta de 300 botellas nun envase Premium para celebrar o lanzamento. É a primeira vez que unha adega do Baixo Miño combina a produción de aceite e de viño, de feito os oliveirais están moi preto dos viñedos na maior finca vitivinícola dunha soa peza das que existen en Galicia.
As análises realizadas falan dun produto excepcional tanto polas súas características organolépticas como nutricionais, e moito disto débese ás horas de sol que reciben estes oliveirais orientados ao sur e que medran baixo a influencia do Miño e do Atlántico.
O aceite elaborado a partir de tres variedades de aceituna, a picual, a arbequina e a hojiblanca, provén dos oliveirais propios e, segundo informa a empresa, segue criterios de produción sostible con fin de conservar a un tempo a contorna natural.