CRTVG

Buscar

Un xulgado prohíbelle a Loterías e Apostas do Estado vender décimos na súa web

Publicado o 02/07/2019 20:48

O titular do xulgado do Mercantil número 6 de Madrid dálle un prazo de tres meses a Loterías e Apostas do Estado para que deixe de vender décimos da Lotería Nacional a través de Internet. A resolución responde á solicitude de execución provisional dunha sentenza que condenaba a sociedade estatal por conduta desleal cara ao gremio dos loteiros, que gozan por contrato da exclusividade para vender boletos en liña. Víctor Muñoz, avogado: "Non era normal que o organismo nacional de loterías lle fixera a competencia aos seus propios, por así dicilo, traballadores. É dicir, xente que ten firmados unha serie de contratos con eles, polos cales os obrigan a moitísimas cousas, e que despois aparece a propia matriz facéndolles a competencia."

Pola súa parte, os xestores das administracións de lotería, que como contrapartida teñen prohibido vender calquera outro produto que non sexan os boletos, celebran a decisión xudicial. Fina Maceda, administración de loterías número 2 de Lugo:  "Pensamos que está ben porque consideramos que é unha competencia desleal cara ás administracións que non venden pola web." Alfredo Seijas, administración de loterías número 12 de Lugo:
"Non está prohibida a venda por internet. O que se prohíbe é que Loterías, como matriz nosa, venda directamente décimos tradicionais de Lotería de Nadal e de Lotería Nacional. Evidentemente, nós estamos contentos con esta sentenza."

Aínda que a sentenza non é firme, a súa execución provisional si o é.

Noticias web

02/07/2019