CRTVG

Buscar

Un xulgado de Logroño investiga unha nova denuncia contra o líder da Fronte Polisario

Publicado o 07/06/2021 22:19
Un xulgado de Logroño investiga unha nova denuncia contra o líder da Fronte Polisario
EP

O Xulgado de Instrución número 2 de Logroño deu traslado ao Ministerio Fiscal dunha causa por un presunto delito de terrorismo contra o líder da Fronte Polisario, Brahim Ghali, para que informe sobre a posible inhibición á Audiencia Nacional, órgano competente para investigar este tipo de delitos.

Nun auto do 2 de xuño, ao que tivo acceso Europa Press, a xuíz instrutora refírese á Fiscalía tras incoar dilixencias previas para coñecer se Ghali puido cometer un presunto delito de terrorismo xenérico. Segundo consta na resolución, as dilixencias de investigación responden á denuncia presentada por un particular perante o xulgado rioxano. Estas súmanse á lista de procedementos que ata o de agora acumula Ghali en España. Hai unha semana que outro xulgado de Logroño incou dilixencias contra o líder polisario por un presunto delito de falsificación de documento público durante a súa estancia na península tras recibir unha denuncia de que puido rexistrarse cunha identidade falsa á súa chegada o 18 de abril.

A estes procedementos na Rioxa engádese o que se segue no Xulgado Central de Instrución número 1 da Audiencia Nacional, no que Ghali xa declarou vía videoconferencia para responder por dúas querelas. O político saharauí negou calquera implicación nas graves violacións de Dereitos Humanos que lle atribúen e o maxistrado Santiago Pedraz decidiu non impoñer medias cautelares na súa contra. O pasado martes o secretario xeral da Fronte Polisario abandonou España de madrugada nun avión que despegou do aeroporto de Pamplona rumbo á capital de Alxeria.