Un xulgado conclúe que os concellos ata febreiro non podían multar por non levar máscara na rúa

Multar os cidadáns sen máscara non estivo entre as competencias dos concellos ata o pasado 25 de febreiro, tras aprobarse a Lei de saúde de Galicia, polo que as sancións anteriores por este motivo carecen de validez, segundo unha sentenza do Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Vigo.
Na sentenza, o xuíz, ao declarar incompetentes aos concellos ata despois da recente reforma da Lei de saúde de Galicia, anula unha sanción de cen euros imposta polo Concello de Sanxenxo, na madrugada do 5 de xullo de 2020, a unha muller que estaba a fumar na vía pública sen máscara.
Segundo o xuíz, entón a Administración local soamente tiña "responsabilidades mínimas en relación ao obrigado cumprimento das normas sanitarias e ao control sanitario en determinados espazos ou ámbitos", entre os que non se incluía a vía pública.
O maxistrado relata na resolución, contra a que non cabe recurso, que a conduta da denunciada, que en compañía de dúas amigas fumaba a máis de dous metros de distancia de calquera outra persoa, "non encaixa na tipicidade da infracción leve pola que foi sancionada".
Destaca que cando foi sancionada, a demandante "executaba unha acción, fumar, incompatible co uso da máscara", engadindo que ata ese momento non estaba vixente ningún normativa respecto ao feito de fumar na vía pública.
O xuíz, con todo, engade que, aínda que se acreditou a culpabilidade da denunciante, o Concello de Sanxenxo era "manifestamente incompetente" para sancionala porque os feitos sucederon fóra das "áreas de responsabilidade mínima sobre as cales os concellos exercían competencias de control sanitario".
A sanción "está impugnada de nulidade radical", sinala o ditame, en que o maxistrado conclúe que, ata a recente reforma da Lei de saúde de Galicia, a competencia para impoñer este tipo de multas era da Xunta e non dos concellos.