Un xuíz pide investigar presunta prevaricación na Deputación de Ourense en 2011

Un xulgado ourensán ordena que se investigue se a Deputación de Ourense puido incorrer nun presunto delito de prevaricación por adquirir mobiliario urbano -marquesiñas e bancos- no ano 2011, de forma irregular, cando a institución provincial estaba gobernada por José Luis Baltar Pumar, pai do actual presidente.
Na resolución o maxistrado sostén que a Deputación non só se beneficiou "dunha forma groseira dunhas subministracións encargadas a dedo, sen orzamento, contrato ou formalidade algunha e, o que é máis grave, saltándose a normativa en materia de contratación, impedindo que outras empresas puidesen presentar as súas propostas", senón que tampouco "fixo contrato algún". Todo iso "a pesar de que as subministracións encargadas supuxeron para o erario público centos de miles de euros", indica o ditame.
Por todo iso, conclúe que procede deducir testemuño de particulares ao Ministerio Fiscal por se, en caso de que non se estimase prescrito, se puidese apreciar a comisión dun delito de prevaricación.
A maiores, o xulgado contencioso-administrativo condena á Deputación a abonar 193.093 euros ao particular que lle forneceu bancos e marquesiñas en 2011. A Administración recoñeceu que recibiu o mobiliario urbano, pero alegou que non o pagou porque o orzamento non fora aceptado previamente.
O maxistrado estima o recurso "a fin de evitar un enriquecemento inxusto por parte da Deputación, que percibiu os bancos e marquesiñas e, con todo, non abonou o seu prezo". Contra a sentenza cabe recurso de apelación no termo dos 15 días seguintes ante a sala contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.