Queda en liberdade sen cargos o ex-mozo da muller que se suicidou
Quedou en liberdade sen cargos a ex-parella da muller que se suicidou en Madrid tras a difusión dun vídeo seu de contido sexual. O home entregouse na Policía Nacional voluntariamente e declarou que non ten nada que ver coa difusión da gravación.
Desde que a Policía Nacional comezou a investigar o suicidio desta muller de 32 anos, a súa ex-parella convertérase no principal sospeitoso de difundir o vídeo de contido sexual gravado hai cinco anos. Tras ser interrogado na Xefatura Superior de Policía de Madrid e negar tal acusación, quedou en liberdade sen cargos. Con todo, a súa declaración será enviada ao xuíz para que valore se debe tomarlle testemuño en sede xudicial. O xulgado número 5 de Alcalá de Henares abriu dilixencias pola presunta comisión dun delito de descubrimento e revelación de segredos. Tamén a Fiscalía abriu dilixencias e a Axencia Española de Protección de Datos iniciou actuacións de oficio.
A investigación policial céntrase agora en analizar os móbiles dos 2.500 traballadores da planta de Iveco para coñecer quen compartiu esas gravacións por WhatsApp e se a vítima sufriu acoso e chantaxe durante semanas que precipitase o seu suicidio. Sospeitan que ata cinco vídeos foron difundidos de xeito masivo.