CRTVG

Buscar

Un xuíz anula a prohibición de fumar e o peche do ocio nocturno en Madrid

Publicado o 21/08/2020 14:07

O titular do Xulgado do contencioso administrativo número 2 de Madrid rexeitou ratificar a orde ditada pola Comunidade de Madrid para aplicar as últimas medidas consensuadas fronte ao coronavirus, desde a prohibición de fumar se non se respectan os 2 metros de distancia ao peche do lecer nocturno.

No auto, ditado onte xoves polo maxistrado Alfonso Villagómez Cebrián e feito público este venres, sinálase que "desde unha comunidade autónoma non se poden limitar dereitos fundamentais con carácter xeral sen unha previa declaración da alarma".

O xuíz subliña que a orde da Comunidad de Madrid coas novas restricións baséase noutra do Ministerio de Sanidade que non foi publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE), "cando, como é sabido, as normas e disposicións xerais teñen que ser publicadas para que sexan de obrigado cumprimento para todos".

Ademais das restricións ao tabaco e ao lecer nocturno, a orde madrileña recolleu as medidas acordadas para as residencias de persoas maiores relativas a saídas, visitas e probas PCR, e a prohibición para comer no transporte público, unhas restricións que levou perante o xulgado para a súa ratificación o propio Goberno de Isabel Díaz Ayuso.

O maxistrado asegura que é consciente das dificultades ás que se enfronta o país debido á pandemia e da necesidade de conxugar as cuestións sanitarias e económicas, pero advirte de que a covid-19 deixou ao descuberto "moitos problemas normativos e xurídicos" que deben resolverse polos órganos constitucionalmente competentes, respectando a lexislación vixente e a xurisprudencia do Tribunal Constitucional.

Ao seu xuízo, é innecesario deseñar novos instrumentos xurídicos, como piden as comunidades autónomas, porque "xa existen no ordenamento español e só fai falta poñelos en marcha". Refírese en concreto á declaración do estado de alarma, que permitiría restrinxir dereitos fundamentais e liberdades.

Cunha "declaración do estado de alarma singularizada ao seu territorio", poderíase limitar en Madrid a circulación ou permanencia de persoas ou vehículos en horas e lugares determinados ou condicionalas a cumprir certos requisitos, apunta.

O maxistrado asume que os dereitos fundamentais non son ilimitados e que poden "modularse" cumprindo os requisitos legais, pero insiste en que non poderían ser limitados por medio dunha disposición administrativa como é esta orde da Consellería de Sanidade de Madrid.

O pasado venres, cando as comunidades acordaron as novas restricións coordinadas, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, sinalou que o seu cumprimento "non é optativo" nin require de ratificación xudicial, como si necesitaron outras decisións "cirúrxicas" que se foron tomando, como os confinamentos parciais.

As accións coordinadas son unha figura 'ex novo' contempladas no 'Plan de resposta temperá nun escenario de control da pandemia por covid-19', aprobado polo Goberno e as comunidades para mediados de xullo, deseñada para frear a expansión do virus cando as adoptadas polas comunidades non son suficientes. Se non funcionase, o seguinte escenario contemplado é o estado de alarma.

A Comunidade de Madrid solicitará unha "aclaración urxente" ao xefe do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 que decidiu non ratificar a orde, segundo sinalou o conselleiro de Xustiza, Enrique López.

A diferenza con Galicia

En Galicia, sen distancia non hai cigarro.

As medidas anti-covid de Madrid derivan das do ministerio de Sanidade, que non están publicadas no BOE, e por aí empeza o argumento do xuíz para anulalas.

O auto do maxistrado Alfonso Villagómez insta ás comunidades autónomas a regular estas cuestións xerais que non afectan a dereitos fundamentais, como fumar nunha terraza, mediante as leis que xa existen.

O goberno madrileño xa avanzou que pedirá unha aclaración ao xuíz xa que considera que o auto é confuso.