CRTVG

Buscar

Un xubilado de Boiro constrúe un cabano seguindo o modelo ancestral

Publicado o 06/04/2021 14:24

Antonio abre o patio da súa casa en Boiro onde fixo unha construción que rememora vellos tempos. Está xubilado despois de traballar desde os 15 anos no mar en Terranova e Alemaña. Agora ten 75 e dí que a idea xurdiu tras unha noite no confinamento pola pandemia.

Antonio Couso Lojo: "Soñei con estes cabanos de antes. Lémbrome moito das cousas de antes, cando nos criamos. A raíz desta pandemia que temos, estaba aburrido e déuseme por poñer iso".

Cortou as xestas de vara longa nun eido próximo e, en verde para poder manexalas, foi colocando unha tras outra. A construción contén madeiras vellas ás que lles deu unha segunda vida. Quítalle importancia á obra, pero di que o peor foi a cuberta debido á postura que requiría.

Antonio explica que "como hai que estar dobrado, como hai que estar agachado e agora a columna a min polo menos non se me dobra nada ben, que está moi amolada, pois era o que máis se me complicaba. Senón houbérao feito coas augar en maior pendente, que houbera quedado máis bonito e moito mellor, pero fíxeno así rápido, que logo xa me cansaba. Non é complicado ningunha cousa, que isto está á altura de calquera que queira facelo. Calquera parvo coma min".

Quéixase de que agora non haxa millo para secalo no cabano. Pero descubriulle outra función; o verán pasado xa comprobou que nas horas de calor el estaba moi a gusto tombado nunha hamaca colgada dentro de lado a lado.

Noticias web

06/04/2021