Un voto en Monterroso pode atrasar a formación da Deputación de Lugo
Publicado o 05/06/2019 18:06
O litixio entre o PSOE de Monterroso e os independentes para gobernar o concello pode atrasar a constitución da Deputación de Lugo.
En Monterroso, os independentes conseguiron 799 votos. O PSOE 798. Os socialistas recorreron á Xunta Electoral para que teña en conta a papeleta ao candidato municipal que se introduciu nun sobre das europeas.
Se computa, hai empate. Ademais, anuncian que se a Xunta Electoral non lles dá a razón, levarán o voto da discordia ante a xustiza.
Están dispostos a presentar un recurso contencioso electoral. Este paso atrasaría a constitución do Concello, pero tamén a constitución da Deputación de Lugo. A demora podería ser dun mes.