CRTVG

Buscar

Un vilaxoanés dálle as grazas a Leo Messi na súa necrolóxica por facelo feliz nos seus últimos anos

Publicado o 19/11/2020 15:15

A noticia do pasamento do vilaxoanés Juan José Mariño Padín, o domingo pasado, está a dar a volta ao mundo. E a razón está na propia comunicación da morte dese home de mar, que xa figura entre as necrolóxicas singulares.

Expresa o agradecemento a Leo Messi por facelo feliz cando a enfermidade o atacaba nos últimos anos.

Canda seus fillos, Roi e Xoán, quedamos no barrio do Muelle, onde nacera hai 64 anos para que nolo conten.

Xoán Mariño, fillo de Juan José conta que "presumía moito de vilaxoanés. De sempre. E de como Messi lle axudou moito a levar os últimos anos. El era moi futboleiro. Miña nai aínda o lembraba onte, el quería escribirlle unha carta de agradecemento a Messi. Tíñao clarísimo. E non foi tanto a carta como que miña nai decidiu que era un detalle poñer ese agradacemento na necrolóxica porque o fixo moi feliz".

Din os fillos de Juan José que o seu vínculo co Barça e co fútbol en xeral viña de moitos anos atrás. Pero, sobre todo, tiña no xogador arxentino un referente incuestionable.

"A Messi tíñao moi estudado e seguíao moito e desfrutaba moito co fútbol. Sempre lle gustou o fútbol en xeral e neste caso, coa enfermidade, pasou moitas horas vendo moito fútbol e Messi fíxoo moi feliz, que é como el o dicía. Así que cremos na familia que era xusto e que lle ía parecer ben. Se el desde algún sitio está a ver isto, está a desfrutar. Máis que nós, seguro", conta os seus fillos.

E con todo, tan curiosa necrolóxica chegou a lugares moi diversos e, ao parecer, tamén ao círculo de Messi.

"Polo que vimos nos medios, a información xa lle chegou. Se el leu a necrolóxica e botou unha risa, pois xa está. Pola nosa parte estamos máis que satisfeitos polo que nos toca", di Xoán Mariño.

"Onte mandáronme un artigo da China. Pero se eu non entendo chinés! E claro, vías Vilaxoán, o nome del, a foto de Messi e logo traduces. Ten repercusión en todo o mundo. En África, en Ghana, no Ecuador... fixéronse eco da historia", engade.

Semella, pois, que a despedida tan particular de Juan José tamén fixo brillar o punto de Vilaxoán no globo da Terra.

Noticias web

19/11/2020