CRTVG

Buscar

Un vilagarcián anima o confinamento dos veciños proxectando películas nunha fachada

Publicado o 30/03/2020 13:42

Unha fachada da rúa Rey Daviña, de Vilagarcía, é neste tempo de confinamento máis que a creación arquitectónica dun fogar.

Xoán, o veciño de en fronte, saca á ventá o seu proxector e tranforma a fachada nunha pantalla de cinema cando cae a noite.

Empezou como unha proba e está a funcionar como ventá cultural compartida en medio da clausura.

"Puxen unha peciña, unha pequena curta. O que pasa é que ten moita iluminación e aí xurdiu a idea de animar o confinamento dos poucos veciños que somos, porque esta é unha zona eminentemente comercial, que esta agora parada", di Xoán Mariño.

Usurpándolle un pouco de espazo púxenme a proxectar aí. O primeiro día foi como ás nove da noite, cando baixa a luz. Bueno, ás oito e media tamén se pode facer. Xa levamos catro, cinco funcións e propuxémonos facelo ata que remate o confinamento.

"Tento programar un par de películas. Empezamos cunha de cine clásico de comedia, Chaplin, Keaton..., que son películas que están sen dereitos, de dominio público. Tamén curtas pequenas moi interesantes, e como por aquí tamén hai cativos... monto sesións de 15-20 minutos máximo, instalo para audio. O bo do cine clásico silente é que leva unha música moi agradecida, non moi intrusiva, co que os veciños que non queiran velo tampouco se molestan moito. Ademais retransmítoo polo Facebook para que a xente poida seguilo, e a xente está indo".

O autor da iniciativa anima a quen viva en comunidades pechadas e dispoña de proxectores a que proben este xeito de compartir cinema desde a casa.

Iso mentres avanzamos cara ao momento en que poidamos desfrutar xuntos na praza da vila da próxima sesión de cine de verán. Algo ben sinxelo e tan valorado desde o confinamento.

Noticias web

30/03/2020