CRTVG

Buscar

Unha vertedura de petróleo de medio millón de litros ameaza o sur de California

Publicado o 03/10/2021 18:39
Unha vertedura de petróleo de medio millón de litros ameaza o sur de California

Autoridades locais do sur de California advertiron dun desastre natural en potencia tras a fuga de preto de 3.000 barrís ou 570.000 litros de cru dunha plataforma mariña que este domingo empezou a achegarse ás costas da zona.

Segundo detallou a Garda Costeira estadounidense na tarde do sábado, a mancha de petróleo, de máis de 33 quilómetros cadrados, atopábase a uns cinco quilómetros da praia californiana de Newport.

O domingo pola mañá, Katrina Foley, funcionaria de Orange County, chiou que o cru empezara a chegar ás costas de Huntington Beach, unha localidade dunhas 200.000 persoas ao sur dos Ánxeles, e que xa apareceran peixes e paxaros mortos.

Segundo o Washington Post, Foley asegurou que o petróleo procedía da Plataforma Elly, operada por Beta Offshore, parte da compañía Amplify Energy con base en Houston. Tamén dixo que a fuga de petróleo continuaba.

"Recoñecemos a gravidade da situación", dixo a lexisladora californiana Cottie Petrie-Norris nunha conferencia de prensa este sábado. "Estamos a loitar e seguiremos loitando con todos os recursos colectivos para asegurar que evitamos que isto se converta nun gran desastre natural", agregou.

A peor vertedura de petróleo ocorrido nas augas de California produciuse preto de Santa Bárbara en 1969, cando acabaron no mar entre 80.000 e 100.000 barrís ao longo de dez días e causaron a morte duns 3.500 paxaros e outros animais como golfiños ou leóns mariños.