CRTVG

Buscar

Un veciño de Triacastela pode enfrontarse a unha multa de 30.000 euros por un delito de maltrato animal

Publicado o 13/10/2021 13:34

Un veciño de Triacastela colocoulle presuntamente á súa cadela un cinto na barriga para que abortase. Tras ser destapado o caso por unha peregrina, os axentes de Medio Ambiente fixéronse cargo desta femia de pastor alemán, que foi ingresada nunha clínica veterinaria de Friol. Pola súa parte, o Seprona denunciou o suposto autor dos feitos, que podería enfrontarse a unha sanción de ata 30.000 euros por un delito de maltrato animal.

Rebeca Corral, veterinaria: "A cadela tiña un cinto, unha especie de cincha, no abdome. Deron parte aos servizos de Medio Ambiente, que acudiron ao lugar e quitáronlle a cincha que tiña. Despois foi a un hospital veterinario en Lugo, onde fixeron unha primeira valoración clínica do animal, e despois recollémolo aquí. Fómola buscar a Lugo, e por medio do Concello de Triacastela dende entón está aquí, nas nosas instalacións".

Debido á compresión abdominal que sufriu a cadela, dous dos oito cachorros naceron mortos. Segundo a veterinaria que a atendeu, a atrofia muscular provocada polo cinto puido impedirlle ter as contraccións de parto.

Rebeca Corral, veterinaria: "O parto non se puido producir de xeito adecuado. Expulsou un primeiro cadelo falecido e o que fixemos foi practicarlle unha cesárea de urxencia para intentar salvar a cadela e a camada. O obxecto que tivo apertándolle o abdome durante un tempo prolongado puido desencadear nunha atrofia muscular que posiblemente fixo que non se desenvolvese o parto como debese".

Cando o proceso xudicial remate, a cadela será dada en adopción, mentres que os cachorros xa están reservados.

Noticias web

13/10/2021