Un veciño de San Xurxo de Sacos estivo un mes hospitalizado por picadas de carracho
Jorge Cubela, veciño do concello de Cerdedo-Cotobade, acaba de superar a enfemidade de Lyme, causada por unha bacteria que trasmiten os carrachos de patas negras, que parasitan en animais como xabarís, corzos ou cervos.
Agora sabe que el sufriu dúas picadas en días distintos, aínda que só sentiu unha:"Fun mirar e estaba o bichiño que era como un fío negro aquí pousadiño no brazo".
Non lle deu importancia, pero chegáronlle as dores, que el non asociaba co carracho.
Jorge Cubela explica: "A dor pasoume da omoplata á columna e ás costas, do cóccis para enriba unhas dores. Despois xa non descansaba. Na cama non podía meterme e sentado, tampouco. Só me sentaba para comer e logo andar día e noite, ata as catro da mañá andando pola estrada".
Así estivo unha semana, ata que na cuarta viaxe ao hospital acompañouno a súa muller e contoulle á médica o da picada do carracho. Foi o que o salvou de consecuencias máis graves, como lle contou tras un mes de hospitalización e varios de recuperación o médico.
Agora ten claro que non debe volver andar polo monte e se o fai, debe ir moi protexido de roupa e repelentes. E tamén alerta de que teñamos coidado nas saídas campeiras, porque o carracho pode agocharse en calquera punto do corpo.