Un usuario de Alume Saúde Mental, increpado en Lugo pola 'policía de balcón'
Un usuario da Asociación Lucense de Axuda a Enfermos Mentais denunciou que fora increpado por varios veciños de Lugo asomados ás ventás e aos balcóns cando saíu á rúa na compaña dun familiar. Ademais de amoestáreno, instárono a que fose para a súa casa, a pesar de dispoñer dun certificado do Sergas que o autoriza a desenvolver certa actividade ao aire libre co fin de aliviar os síntomas da súa doenza.
"Esta persoa, que con todo o dereito do mundo ía paseando na compaña dun familiar, viu como lle chamaban a atención desde as ventás por non cumprir o confinamento. Dicíanlle que fose para a casa, que a lei é para todos. É un acoso posiblemente non moi grave, pero para unha persoa que precisamente ten un risco de descompensación psíquica pensamos que é un dobre castigo e que non ten por que ser así", explicou Manuel Fernández Prado, presidente de Alume.
Ante o acontecido, e para que non se dean máis casos, en Alume fan un chamamento á tolerancia e ao respecto por parte da poboación con aquelas persoas que necesitan saír do confinamento por motivos de saúde. Piden que os cidadáns entendan que as circunstancias persoais de cadaquén son moi diversas, polo que non deben pretender suplantar o labor das forzas de seguridade.
"Sobre todo, preocúpanos na asociación que isto se poida xeneralizar e que outras persoas que poden gozar dese permiso pola súa patoloxía non o fagan e teñamos un problema maior dentro dos pisos e das residencias".
Alume ten, actualmente, 67 usuarios na cidade de Lugo e outros dez máis en Guitiriz.